Saída Cantabria

 
 

No ano 2001, e despois de dezanove anos consecutivos realizando a saída estrela da extinta EXB a Doñana, decidiuse buscar unha alternativa que estivese á altura das circunstancias. O obxectivo fundamental era deseñar un destino máis cercano pero non menos atractivo, cuns contidos pedagóxicos semellantes e se era viable máis enriquecidos.  Neses anos acaba de abrir en Cantabria o Parque da Natureza de Cabárceno, un lugar totalmente diferente ao que se tiña concibido nos clásicos zoolóxicos. Con este espazo natural como destino básico comezamos a idear un itinerario, uns contidos, uns lugares e uns tempos. Queriamos pechar unha saída de cinco días, de luns a venres, co máximo aproveitamento, didáctico e lúdico posible.


Dunha fin de semana de temporal, co contaquilometros a cero e o reloxo preparado, José Javier e Rafa partiron para facer en dous días o que tiñamos previsto facer con sesenta nenos nunha semana. Anotando lugares, paradas, quilómetros, hoteis e prezos, o esbozo previo quedou asentado para que ao longo dos anos se vaian perfilando, cambiando, afinando ou incorporando todo o que vemos que sexa preciso para mellorar unha actividade que os nenos agardan durante cursos con enorme ilusión. Xa só iso paga a pena o traballo, aínda que moitas veces te prometas non volver.


Hoxe, dez anos despois, seguimos experimentando as mesmas sensacións que daquela. Cinco días de natureza, montaña, arte, prehistoria, mar, albergue, bocadillos, neve, vertixe, música, maletas, nervios, animais, lembranzas ... Dentro de vinte anos os nenos e nenas do Rosalía, e os profesores, seguirán recordando anécdotas e vivencias. Por suposto as máis agradables e divertidas con cercanía, as menos con máis distanza, nese proceso educativo que nos permite medrar como persoas, a todos.

 
 
 
Saída 2º ESO. Cantabria - 2001