Saída Ruta Rosaliana

 
 

Todos estamos de acordo que para aprender a camiñar por esta vida, a mellor forma para aprender é camiñando e resolvendo os atrancos que atopamos día a día. Por iso podemos dicir que esta frase resume dalgunha maneira o noso interese e o noso obxectivo de facer varias saídas durante o curso escolar. Estamos tamén de acordo en que os alumnos teñen que ler, escribir e facer actividades na clase, para poder aprender distintos conceptos das distintas materias; pero tamén sabemos que os nosos alumnos son curiosos e cantos máis conceptos poidan aprender polo sentido da vista e do tacto máis motivados van estar para podelos asimilar.

Por iso tratamos de sacar aos alumnos fóra da aula para que poidan ver, experimentar en directo, aprendizaxes que na escola aprenden dunha forma teórica e non tan atractiva e polo tanto non desperta tanto o seu interese por aprender.Todas as saídas teñen uns obxectivos culturais e tamén de socialización entre os alumnos. Pretendemos que os alumnos entendan que os distintos produtos que poidan ter na súa casa, non chegan por arte de maxia; por iso imos ao porto pesqueiro e vexan todo o proceso que hai que facer con peixe para que chegue a nosa casa; imos á Granxa Kiriko para que vexan a importancia que ten os distintos animais e como hai que coidalos; imos a Faro de Vigo para que vexan como traballan os periodistas para que logo todos teñamos información diaria; visitamos Vitrasa para que vexan a importancia dos medios de transporte públicos. Tamén queremos que vexan en directo sitios de importancia cultural para a nosa comarca e para Galicia como visitas ao Castelo de Soutomaior, ao Castelo de Vilasobroso, a Deputación Provincial e o Museo Provincial.

Outro obxectivo para nós moi importante das saídas é socialización dos alumnos no grupo, como se comportan na escola e fóra dela, como se relacionan, en resume como se adaptan ás circunstancias cando están lonxe da súa casa. Por iso na saída á Santiago de Compostela de máís longa duración, podemos estudar moitos máis aspectos da personalidade de cada alumno tanto a nivel individual como de grupo.

Estamos convencidos que todas as saídas feitas durante estes anos cumpriron cos obxectivos propostos tanto a nivel cultural como de relación e convivencia entre os alumnos e os mestres, pensamos que son un complemento importantísimo para que cando os nosos alumnos marchen polos camiños da vida leven con eles unha aprendizaxe completa tanto en forma teórica como practica, e seguro que anos máis tarde o que máis van lembrar serán as saídas pedagóxicas da Escola Rosalía de Castro.

 
Xavi

 

 
Ruta Rosaliana
saídas escolares"
Antía Cal Vázquez