Saída Doñana

 

 

O “Coto del Palacio de Doñana” era unha finca de gran riqueza cinexética de propiedade privada, ata que no ano 1963 o Estado Español xunto co “Fondo Mundial para la Conservación de la Naturaleza”, compran 7.000 Ha. e crean a “Reserva Biológica de Doñana”. Seis anos máis tarde crease o Parque Nacional de Doñana, e no 1989 pasa a chamarse Parque Natural de Doñana, que actualmente conta con 50.720 Ha. de P.Nacional e 54.200 Ha. de P.Natural.

Está situado ao sureste da provincia de Huelva. Ten catro ecosistemas ben diferenciados: Praia, Dunas vivas, Cotos (dunas fosilizadas), e Marismas. Nestes ecosistemas destacan as máis de 300 especies diferentes de aves, 33 de mamíferos, 12 de peixes, e 18 de réptiles.

Corría o ano 1986 cando chegou as miñas mans unha proposta dun grupo de biólogos ofrecendo visitas escolares guiadas a Doñana. Pómonos en contacto con eles, e gústanos a idea.  Luis Otero, profesor de Ciencias Naturais neses intres e eu estamos dispostos a facer realidade a experiencia cos que daquela eran alumnos de 8º de EXB, e que despois pasarían a ser de 2º da ESO. Conseguimos que RENFE nos poña un vagón de tren ao noso dispór que nos levará ata Madrid e despois a Sevilla. Na estación de San Bernardo agárdannos o grupo de biólogos co autobús que nos levará ao Hotel de Matalascañas en Almonte (Huelva). Aquí íamos pasar tres días con dúas noites. A volta a Vigo foi do mesmo xeito. En total 5 días de salida que os profesores nos satisfizo bastante en canto a contidos, pero que nos parecía que percorrer mais de 2200 Km para ir so a Doñana non era moi “rendible”.

Cos coñecementos “adquiridos” nesa primeira viaxe, confecionamos durante o curso seguinte un dossier no que ademais de “traballar” Doñana, aproveitábamos a viaxe de ida e a de volta para coñecer outros aspectos culturais. Así, facíamos parada en Cáceres onde durmíamos a primeira noite, comíamos o día seguinte en Aracena e íamos  durmir ao camping de Matalascañas. Pasábamos en Doñana dous días completos,e no regreso, con dormida en Zafra,  parábamos en Salamanca para comer e visitar a cidade.
Aos poucos o dossier foi medrando e a saída chegou ter unha duración de oito días nos últimos anos en que o “itinerario” quedou como segue:

1º día.- Saída do Monte do Castro. Comida en Salamanca e visita a cidade ( catedral, universidade, casa das cunchas).Continuamos a viaxe ata Hervás para visitar o barrio xudeo. Segue a viaxe ata Monfragüe. Cea e pernocta no camping de Monfragüe.

2º día.- Visita ao Parque N. de Monfragüe todo o día. Estudo da flora e fauna. Volta ao camping. Visita a Plasencia. Cea e pernocta de novo no camping.

3º día.- Saída cara Mérida e visita a zona monumental (circo, teatro, anfiteatro, casas romanas) e ao Museo Romano. Comida en Mérida. Continuamos a viaxe ata Doñana. Cea e pernocta no Cámping de Matalascañas (os primeiros anos en tendas de campaña, e os últimos xa en bungalows).

4º,5º e 6º día.- Visita ao Parque Nacional de Doñana. Coñecemento dos catro ecosistemas, con detido estudo da flora e fauna de cada un deles. Tamén estudamos os distintos oficios dos homes de Doñana ( cazadores, pescadores, carboneiros, apicultores,recolledores de ovos), e as distintas construcións, os pazos de Doñana, etc.

7º día.- Saída cara Riotinto e visita as minas a ceo aberto. Seguimos a viaxe cara Aracena onde xantaremos e visitaremos a “Cueva de las Maravillas”. De novo continuamos a viaxe ata a Costa de Caparica (Lisboa). Cea e pernocta no hotel.

8º día.- Visita o Barrio de Belém (Monumento os Descubridores, Torre de Belém, e Monasterio dos Xerónimos). Seguimos a viaxe por Cascais (parada para ver o Burato do Inferno) e chegamos a Sintra. Xantar e visita o Pazo Real e o Pazo da Pena. Para rematar a viaxe fáltannos case que 500 Km para chegar a Vigo.

Foi no ano 2000 cando se fixo a última saída o P.N. de Doñana. Preto dun milleiro de alumnos/as da Escola Rosalía de Castro disfrutaron da oportunidade de coñecer todos estes lugares, pero sobre todo puideron pisar o humedal máis importante de Europa, o terreo onde máis aves de todos os tipos pasan todos os anos unha parte da súa vida, e onde cada vez máis se deciden a quedar fixos para sempre. Por algo será!

Moitas grazas a todos os compañeiros que me acompañaron nestas aventuras. Grazas a Luis, Francine, Loli Villar, Paco, Encarna, Manolo, Pipo, e por  aguantarme en 8 o en 9 ocasións (non recordo exactamente), a José Javier e a Susan.

Houbo un curso, no 1992-1993, no que deixamos de ir a Doñana para facer o Camiño de Santiago. Nesa ocasión foron 122 alumnos/as de  7º e 8º de EXB xunto con 6 profesores os que durante 10 días percorremos alguns dos tramos máis fermosos do Camiño desde Roncesvalles ata Santiago de Compostela. Pero esta Saída xa está contada nun libro confeccionado en base ás experiencias dos nenos, “Dez días do Camiño”.

Julio Ferro
Saída 2º ESO. Doñana - 1998


Saída 2º ESO. Doñana - 1999