Outras Actividades

A Unión Matemática Internacional no ano 1992 estableceu o ano 2000 como Ano Mundial das Matemáticas, e esta proposta foi patrocinada no ano 1997 pola U.N.E.S.C.O. na súa Conferencia Xeral.

Foi durante o ano 2000 cando, a proposta do profesor español Luis Balbuena se tomou o acordo de celebrar todos os anos o Día Escolar das Matemáticas. A data escollida para esta celebración foi o 12 de maio, pois nese día do ano 2000 cumpríase o centenario do nacemento do gran matemático e profesor  Pedro Puig Adam.

Entre outros obxetivos, un dos principais era o de facer en todos os centros actividades nas que poideran participar  todos os profesores de todas as materias, pois a linguaxe e o modo de pensar das matemáticas é común a todas elas.

Na Escola Rosalía de Castro aproveitando que os alumnos de primeiro e segundo da ESO tiñan como materia optativa o Obradoiro de Matemáticas, o profesor Julio Ferro xunto con estes alumnos facendo de monitores, propuxo facer no patio cuberto unha serie de obradoiros polos que durante ese día pasarían todos os alumnos e profesores da Escola. Deste xeito, colocáronse doce grandes mesas, e en cada unha delas os materiais construidos nos obradoiros de matemáticas cos que se podían traballar estas dun xeito manipulativo e lúdico. Así, había xogos con pauciños, xogos de estratexia ( tres en raia, triex, o L, ceibar ao prisioneiro, …), tangrans ( chinés pitagórico, lloyd, ovo, ...), pentaminós e pentacubos, cubo soma, espellos e libros de espellos, adiviñas matemáticas, construción de poliedros, resolución de problemas, e outros máis.

Estivemos celebrando este día na escola nos anos seguintes, ata que no ano 2005 a Asociación Escola Rosalía de Castro, propuxo a Julio Ferro sacar da Escola esta actividade e posibilitar que foran tamén partícipes dela os alumnos e profesores doutros centros.

Coa imprescindible axuda de Ángel Peteiro conseguiuse a colaboración económica e as instalacións de Caixanova. Tamén a asesoría pedagóxica de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesores de Matemáticas, da que forma parte Julio).

Escomenzamos unha andaina que baixo o nome de Semana Matemática Caixanova nas cinco primeiras edicións, e de Semana Matemática de Vigo, a partires da sexta, lévanos a que neste ano 2011 fagamos a VII edición.

Na páxina web da escola pódense ver os obxetivos, actividades que se realizan, etc. Cada obradoiro está dirixido por un monitor, que foi previamente preparado na Escola para poder orientar aos milleiros de alumnos participantes. Estes monitores son normalmente universitarios ou recén licenciados. A parte administrativa é xestionada polo persoal de administración da Escola.

Cada ano pasan polas instalacións de Caixanova (agora Novacaixagalicia) preto de 2200 alumnos e máis de 100 profesores pertencentes a máis de 50 centros da provincia de Pontevedra que participan nos 8 obradoiros; uns 40 equipos de centros (de catro membros cada un) concursando no Ligamats; ao redor de 50 inscritos de media nos obradoiros de papiroflexia;  profesores e público en xeral nos “Obradoiros para Todos”; e así mesmo nos cursos para mestres (uso das calculadoras nas aulas, novas tecnologías….), e nas conferencias (actos inaugurais e de clausura). Polas Semanas Matemáticas pasaron, coma conferenciantes ou como ponentes, profesores de prestixio internacional, tales como: Tony Martín, Luis Balbuena, Claudi Alsina, Pepe Muñoz, Martín Casalderrey, Rafael Losada, Luis Roldán, Covadonga Blanco, Teresa Otero, Antonio Pérez Sanz, Fernando Corbalán, MªJesús Casado, Manolo García Deniz, Mª Antonia Canals,…

...e a vida sigue, e con ela as matemáticas.

Julio Ferro Marra