"Ideario" de Rosalía de Castro

(Documento Orixinal)
 
Redacción do “ideario” e breve historia da escola Rosalía de Castro.
 
Antía Cal, 1979.
 
 
 
 
  1. Dificultade para redactar un “ideario pedagóxico”. Aceptación de que todo o equipo de profesores imprime ao seu traballo unha actitude ideolóxica máis ou menos subxacente. (resultado de traballo en equipo no curso de perfeccionamento do profesorado, ICE de Santiago, xullo de 77 e 78).
  2. O P. Joaquín García de Dios di que prefire chamar Proxecto Educativo en vez de ideario. Parécenos ben. Di tamén: ”manter a educación dos nenos por riba de calquera interese ou equívoco”.
  3. Xénese e Historia da Escola:
  4. Ano 1955: Antía Cal visita o Museo de Educación de Xenebra e   UNESCO de Paris ( na Avda. Klever). Entrevista co responsable de educación. Primeiras cuestións a ter presentes naquel momento:
    • Importancia e carestía da educación na idade cero.
    •  A coeducación.
    • A ensinanza gratuita, todos na mesma escola. A escola reflexo da vida.
    •  As clases de trinta alumnos. Un estudo económico-sociolóxico.
    • A idade cero e a súa plasticidade: o mellor profesor a esta idade.
    • Disponibilidade lingüística na idade cero: establecemento do segundo idioma, non por utilidade profesional futura, senón, sobre todo por unha apertura humana aos outros.
    • A psicoloxía evolutiva: aos 5 anos, aproximadamente, irreversible marcas educativas na personalidade.
    •  A escola de todos e para todos. Intervención e participación de alumnos-profesores e sociedade (pais). A coxestión, a responsabilidade compartida. A maior transparencia escola-familia como equilibrio do alumno-fillo.
    • O individuo, ser irrepetible. Sumo tacto coas “uniformidades”.
    • A Escola “fábrica” de pensamentos, de razonamentos, de creación, de flexibilidade. Todo é mellorable.
    • A interdisciplinariedade. Non hai áreas “listas” nin áreas “tontas”. A ciencia é unha.
    • O traballo en equipo. Educar é exemplarizar.
    • Qué vale máis, un neno ou o Museo do Prado? ( O Correo da UNESCO)
  5. Con este asesoramento os primeiros tanteos: apertura da Escola en setembro de 1961. Ruptura cos esquemas vixentes, co absoluto beneplácito da Inspección Técnica.
  6. No vestíbulo da Escola estes obxectivos expostos visibles dende os primeiros momentos:

    A educación non consiste en guiar sen cesar a un neno, a quen non se lle pide máis que docilidade...
    ...educar consiste esencialmente en facer del un ser razonable e autónomo

    Dr. André Bergé

    Educar é estimular responsabilidades e provocar iniciativas

     Luis Miracle

  7. 1967.Convite de Rosa Sensat á Escola d’ Estiu a través da Editorial Galaxia. Non asistenza, escepticismo. Seguiamos asesoramento anual coa UNESCO de Paris.
  8. 1968. Rosa Sensat insiste na invitación. Morte de Antón Beiras, home de Antía Cal, sen ánimos para acudir, pero impactadas pola insistencia.
  9. 1969. Outra vez a invitación. Asistenza de Margarita Conde, Ita Atán e Antía Cal. Histórica data na vida da Escola: reafirmación na liña elixida. Fortes aportes de renovación en técnicas e métodos pedagóxicos.
  10. 1970. Nova Lei de Educación. Absoluta adapatación ás súas normas.
  11. 13 xaneiro de 1979, Marta Mata ( Rosa Sensat ), declaracións ao xornal “El País”:
    “Hai que cultivar a capacidade do neno dende os cero anos. É a capacidade de saber pero tamén a de observar, a de relacionar, a de expresar, de crear, de dominarse, de gobernarse, de traballar, de gozar ... e todo iso, como dixen antes, debe ser cultivado dende os cero anos.”
  12. Conclusión.

Revista de prática escolar “Reforma de la Escuela”, xaneiro de 1979, páx. 3, Adaptar a Escola ás necesidades dos nenos.

"Hai moitos anos que os pedagogos tentan amosar cómo tería que ser a Escola, pero as súas ideas innovadoras só chegan a unha exigua minoría. En todas partes xorden experiencias que pese ao seu interese non conseguen mudar o sistema educativo imperante. A causa hai que buscala no feito de que florecen no marco duns condicionantes sociais de tendencia, poo xeral, contraria ao espírito innovador.

É preciso que cambie o marco social, e os mestres sábeno ben. Non todo depende de nós, ainda que en certo modo si. Querer mudar a sociedade dende a Escola é unha bonita utopía, aínda que non é menos certo que para que a sociedade cambie, ha cambiar igualmente a Escola"

Pía Villarrubios

Proxecto Pedagóxico - Curso 1985/86

O presente proxecto pedagóxico é o resultado de 25 anos de experiencia en contínua revisión e non supón unha estrutura de principios ríxidos, pero si de actitudes de compromiso entre pais, alumnos e profesores.

A nosa intención é construír día a día unha escola que sexa:

  • Un espazo de aprendizaxe que o alumno debe querer, coñecer e dominar.
  • Un elemento socializador que dentro da sociedade democrática, desenvolve actitudes de tolerancia, flexibilidade e autonomía para analizar criticamente a sociedade e transformala.
  • Un reflexo da sociedade concreta sobre a que o neno poida manipular, observar e experimentar, obtendo instrumentos de traballo que logo poida aplicar a novas realidades, e partindo do medio axude á integración nel mesmo, sen pechalo a novas realidades.
  • Un núcleo creativo e investigador, que supere a ensinaza transmisiva e repetitiva, utilizando métodos baseados na elaaboración dos coñecementos a través da observación, da medicióon, a deducción e a creación.
  • Un factor globalizador que supere a ensinanza dividida en compartimentos estancos, porque “o saber é un proceso, non un produto”.
  • Potenciadora do desenvolvemento das capacidades, capaz de integrar o racional e o afectivo, o intelectual e o sensible...
  • Integradora do traballo intelectual e manual a todos os niveis, evitando a reproducción dentro da escola da división entre traballadores intelectuais e manuais, superando a división tradicional entre o teórico e o práctico...

En base a estes principios os obxectivos xerais da Escola pretenden non só proveer aos nenos dos contidos orientados, metódicos e coherentes para desnvolver as actividades tendentes á formación de estruturas mentais, senón a rodealo dun clima que favoreza a comunicación, o diálogo e a creación, facendo de el un ser razonable e autónomo.

Tentamos que estes obxectivos cubran e representen todas as experiencias de carácter emotivo, motor e intelectual do alumno xa sexa na esfera persoal como na social. Deben proporcionarlle un desenvolvemento harmónico da súa personalidade, respectando en todo momento os niveis de madurez de cada individuo.

Prantexámonos a necesidade de preparar ao neno dende a infancia para que sexa quen de adaptarse, superarse a resolver o que o adulto de hoxe, condicionado por unha mentalidade e actitude distinta, non é capaz de arranxar.