Proxecto Pedagóxico

ALICERCES PEDAGÓXICOS



No Rosalía ,dende os comezos da súa andaina, estase na procura dunha  educación que desenvolva todas as capacidades de cada individuo, aquilo que lle permita ser consciente, libre e responsable dos seus actos

Vemos o día a día entendendo a pedagoxía activa non como un método, senón como unha orientación que ha estar presente en toda a vida escolar, dende os tres ata os derradeiros anos. A atención á realidade e o contacto directo con ela son elementos esenciais, tanto no desenvolvemento e adecuación da liña pedagóxica coma no enfoque da aprendizaxe. Consideramos que a actividade -intelectual, afectiva, social, moral ou física... - é a condición necesaria e fundamental para que os nosos alumnos e alumnas se formen e cheguen a ser verdadeiramente  autónomos e libres.

Contemplamos unha educación integral como o  obxectivo prioritario dunha escola que intenta renovar constantemente a educación. Propoñémonos atender todas as dimensións da persoa concreta: físicas, racionais, emocionais, sociais, intelectuais, académicas, culturais … Tratáse, non simplemente de formar ao alumno, senón de axudar ao desenvolvemento daquel neno/aquela nena/adolescente concreto. Isto require coñecelo individualmente no marco da súa etapa evolutiva, a través da observación atenta e minuciosa de cada un: ilusións, intereses, expectativas, capacidades, comportamentos, reaccións e actitudes ante o traballo, comunicación e colaboración co mestre, cos compañeiros, no ámbito familiar. De aí a suma importancia que se outorga á constante relación coas familias e á visión das titorías e do departamento de Orientación  dende a óptica da escola.

Búscase unha escola e un ensino que sirvan para a vida, para dominar o propio corpo, para pensar e descubrir novas realidades, para sentir e entusiasmarse, para coñecer e actuar nas relacións sociais, para ter criterios sobre a realidade social para adquirir conciencia das nosas crenzas. E por suposto pretendemos que todas estas dimensións se desenvolvan de xeito integrado, como a mesma vida, de modo que todo isto forme persoas conscentes do momento que lles toucou vivir.

O desenvolvemento do espírito crítico forma parte da adquisición da liberdade e a responsabilidade. Tratáse de coñecer para valorar, para cuestionar, para ir construíndo así unha forma persoal de afrontar a realidade. Por isto é importante orientar a aprendizaxe, guiar e destacar o que resulta importante e conceder espazo dentro do horario escolar daquelas áreas tradicionalmente  menos atendidas ou incluso relegadas, como a educación física, a plástica, ou a música. A creatividade inherente ao ser humano, potenciada para construir coñecemento presente e futuro.

«A realidade vivida dá sentido ás palabras, ás frases, aos conceptos, aos sentimentos básicos, como o esforzo, a contemplación e ás actividades e operacións necesarias para avanzar no coñecemento. É un estadio inicial -indispensable por outra parte-, da relación teórico-práctica, outro dos elementos básicos da orientación educativa do colectivo da renovación»

O contacto directo co medio físico natural e social, despréndese directamente da intención de coñecer a realidade circundante. Necesitamos ter un coñecemento de primeira man sobre o que hai que saber ou estudar. No marco escolar, as saídas pedagóxicas dos mestres cos alumnos, programadas segundo etapas e contidos, para coñecer o barrio ou o pobo, descubrir o territorio, ver directamente procesos de produción, traballar nos museos, entrar en contacto co medio, social ou industrial, ... supoñen unha preparación previa e un traballo posterior de confrontación, ampliación, valoración do conxunto; en definitiva, representan un tempo especialmente propicio para a relación teoría- práctica.

As saídas escolares de varios días de duración, ofrecen a posibilidade de traballar sobre moitos obxectivos relevantes para a formación de nenos/ás e adolescentes, e para os mestres é unha ocasión de afinar no coñecemento de cada neno/a, e de descubrir aspectos e posibilidades.

Dende o punto de vista da formación integral da persoa, estimamos indispensable axudar a percibir, a ser consciente, a valorar a propia identidade e a sentirse formando parte dun colectivo con determinados trazos culturais.

A realidade social e política é outra vertente da realidade que propuñemos como punto de partida. Coñecer, estar ao corrente, ter criterio sobre o que acontece a noso arredor, adquire especial importancia nunha época cambiante. Dentro do horario escolar e baixo diferentes nomes segundo as escolas -actualidade, noticias, comentario do cotián... - adicámos un espazo de tempo á información do mundo extraescolar. Este tipo de actividade, áxil e adaptable á situación tanto exterior como da etapa educativa, está encamiñada a reflexionar sobre un tema máis amplo que a vida académica, a elaborar criterios, a participar nunha discusión, a confrontar opcións e a ter puntos de vista propios. Aprender a enriquecernos cos demais.

As decisións que se toman no conxunto da comunidade educativa deben ser froito dun diálogo aberto e sincero entre mestres e pais.

Consideramos que o neno é o obxectivo esencial: necesario un traballo de conxunto para a observación constante, para a atención ao crecemento axeitado de cada neno/a e adolescente e para crear un clima propicio, coherente e educativo. Constatamos cánto beneficia aos alumnos o intercambio de puntos de vista e de opinións dos educadores.

Somos os docentes quen debemos adecuarnos a cada alumno, ao seu nivel e ritmo, ás súas actitudes, en definitiva ao modo como nos chega. Temos claro que cada neno é un caso diferente. Ninguén poder quedar atrás, o grupo parte unido e chega unido.

En canto á educación da sociabilidade, dende o primeiro momento resulta evidente a importancia e o peso específico do grupo dos nenos/nenas que forman unha clase. A relación que se dá entre eles, polo feito de convivir e traballar xuntos ao longo de todo o curso, ten unha notable influencia na formación de cada neno e adolescente.

O ambiente de apertura e sinceridade que se vive no centro favorece a participación e o intercambio, de maneira que é natural a tendencia a crear vínculos e a establecer certa interdependencia entre todos eles.

Educación da liberdade. No fondo é o que caracteriza o tipo de educación que nós propoñemos: determina o carácter da relación alumno-mestre e o ambiente xeral da escola. Concibimos a liberdade non como punto de partida senón como punto de chegada, como o cume dun proceso que se desenvolve cada día e en cada situación.

Hai que coñecer a cada alumno/a e encontrar o trato adecuado para conseguir autoestima e desexo de superación persoal; é dicir, o estímulo e o equilibrio entre a comprensión e a esixencia.

Propoñemonos que os nenos e adolescentes, no marco dun espazo que a escola define en función da etapa evolutiva, se adestren no exercicio dunha liberdade responsable.

Entre todos os mestres temos que chegar a un acordo para que cada educador poida conseguir a disciplina necesaria segundo a materia e segundo a etapa evolutiva do grupo. No fondo, isto require establecer unha escala de valores para ver en cada situación o que é prioritario. Na escola non hai normas contundentes de castigo, pero en cambio, segundo eses acordos, os alumnos han percibir por parte de todos os educadores reaccións equivalentes que os axudasen a adquirir referentes.

A claridade, a constancia e a coherencia nas normas, como criterios básicos na actuación dos profesores e que contribúan á orientación e á estruturación da conduta dos alumnos. Estes adoitan valorar positivamente a posibilidade de desenvolverse con autonomía: en xeral, a naturalidade no trato entre alumnos e educadores, o ambiente de confianza e afabilidade que se vive, fai que os alumnos asistan á escola con gusto, condición básica para unha actitude positiva respecto do propio desenvolvemento e respecto da relación cos demais, e que para os adultos revirte en satisfacción profesional e é fonte de nova motivación.

O xogo, en canto a vertente especial da expresión e como medio privilexiado de educación (espontaneidade, representación simbólica, autoestima, coñecemento das propias posibilidades, sociabilidade, aceptación de normas...), nas formas axeitadas a cada etapa evolutiva, dende o parvulario ata o deporte nos adolescentes, ocupa un lugar importante no proxecto da escola, xa fose como xogo libre, xa a partir de propostas que favorecesen a iniciativa, a imaxinación, a axilidade, o enxeño, o humor, aquel cúmulo de habilidades que só aparecen cando se xoga.

Vemos ao parvulario -3 a 6 anos- como unha etapa con entidade propia, e non simplemente como previa (preescolar) ao que sería propiamente educativo.

En canto a factores de renovación, non podemos deixar de mencionar a importancia da biblioteca escolar, tanto na formación dos alumnos coma en preparación dos mestres. Tampouco podemos esquecer as diferentes formas en que a psicoloxía intervén na escola: coñecemento de alumnos, orientación de mestres e pais, elaboración de escalas para lograr obxectividade nas valoracións.

Unha Escola que ha de querer unha educación baseada na actividade do neno, facendo que el descubra o que estea ao seu alcance, máis que darlle os resultados xa logrados. Aprendizaxe por descubrimento.

É o Rosalía unha escola onde a acción educativa se dirixe a toda a vida dos escolares, un lugar aberto ao medio e facilitador do equilibrio psíquico onde se favorece a cooeducación. Promóvese a metodoloxía inductiva e a aprendizaxe mediante a vía das experiencias vividas,  á busca da información nas orixes.

Unha educación fundamentada sobre a actividades dos nenos, co coidado do respecto aos seus momentos e ritmos evolutivos e que favorece tanto o desenvolvemento da individualización como da socialización.

Aquí trabállase prestando atención á preparación para a vida e abríndose ao exterior, promocionando o exercicio da liberdade e da autonomía, do espírito de iniciativa.

Unha escola que transmite o respecto por un mesmo e o respecto polos demais, unha escola de todos e para todos. No Rosalia acredítase no potencial pedagóxico da expresión libre, da creatividade persoal e no concepto do traballo cooperativo, daquela fuximos dos modelos estereotipados.