Estatutos

Asemblea Xeral Extraordinaria do 25/04/2013

TÍTULO PRIMEIRO: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Denominación e natureza

Ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución española, coa denominación de “Fundación ESCOLA ROSALÍA”, constitúese unha organización de natureza fundacional, de interese galego, constituída sen ánimo de lucro, o patrimonio da cal está afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral que se establecen nestes estatutos.

Artigo 2. Domicilio e ámbito de actuación

O domicilio da fundación radicará no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O domicilio inicial está situado en Carretera de Bembrive, nº 91 - CP 36214, en Vigo (Pontevedra).

O padroado poderá promover o cambio de domicilio, mediante a oportuna modificación estatutaria, con posterior comunicación ao protectorado e inscrición no Rexistro de fundacións.

A fundación desenvolverá as súas actividades principalmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con especial incidencia na provincia de Pontevedra.

Para o mellor cumprimento dos seus fins, a fundación poderá crear delegacións en territorio distinto ao do seu ámbito de actuación, así como establecer relacións instrumentais con terceiros en calquera ámbito territorial.

Artigo 3. Personalidade e capacidade

A Fundación terá personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública de constitución no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, que lle atribúe plena capacidade xurídica e de obrar, podendo realizar en consecuencia todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento dos fins fundacionais, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

Artigo 4. Duración

A fundación constitúese por tempo indefinido. Porén, se nalgún momento os fins propios da fundación se estimasen cumpridos, ou fose imposible a súa realización, o padroado poderá acordar a extinción, de conformidade co disposto na lexislación vixente e nestes estatutos.

Artigo 5. Réxime normativo

A Fundación rexerase pola vontade do fundador expresada nestes estatutos, polas disposicións que en interpretación e desenvolvemento dos mesmos estableza o padroado, e en todo caso pola Lei do Parlamento de Galicia 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, polo Decreto 15/2009, de 21 de xaneiro polo que se aproba o Rexistro de fundacións de interese galego, e polas demais normas que as desenvolvan ou substitúan

Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 50/2002, de 26 de decembro, de Fundacións, pola Lei 49/2002, de 23 de decembro de Réxime Fiscal das Entidades sen fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado, e polo R.D. 1270/2003, de 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento para a aplicación do Réxime Fiscal das Entidades sen fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado, así como pola demais normativa que sexa de aplicación.

TÍTULO SEGUNDO: OBXECTO DA FUNDACIÓN

Artigo 6. Fins

A fundación ten por obxecto promover o interese xeral por medio da EDUCACIÓN EN VALORES, fomentando os valores democráticos do respecto, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade e os demais valores cívicos, establecidos nas bases pedagóxicas da Escola Rosalía de Castro dende os seus alicerces pola súa fundadora, Antía Cal Vázquez.

Igualmente, a fundación deberá servir de referente para todas aquelas persoas que teñen ou tiveron algunha relación cos valores da Escola Rosalía de Castro. En particular: alumnado, persoal, familias, persoas e entidades colaboradoras e calqueroutra persoa interesada nos valores indicados no parágrafo anterior, fomentando o espírito de confraternidade, relacións, axuda, colaboración entre todos eles e contribuindo a espallar a toda a sociedade os valores da Escola Rosalía de Castro.

O desenvolvemento do obxecto fundacional poderá realizarse directamente pola fundación, ou mediante colaboración con outras entidades, organismos, institucións ou persoas que contribúan á consecución dos fins fundacionais

Artigo 7. Actividades fundacionais

Para a consecución dos fins mencionados no artigo anterior, a fundación pode realizar as seguintes actividades, a título meramente enunciativo:

  1. Actuacións educativas para a infancia e a xuventude potenciando o desenvolvemento de usos e hábitos democráticos na súa personalidade.
  2. Bancos de libros.
  3. Acción social comunitaria e familiar con escolas de pais ou calqueroutra actividade.
  4. Actividades relacionadas coa formación, investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico.
  5. Actualización e formación continua de profesorado.
  6. Organización de exposicións, conferencias, coloquios, cursos ou seminarios.
  7. Elaboración, edición, publicación e distribución de libros, revistas, folletos, material audiovisual e material multimedia.
  8. Actividades de carácter cultural, deportivo, ocio e lecer.
  9. Calqueroutra actividade que coadxuve ao cumprimento dos fins fundacionais.

A fundación poderá realizar actividades propias e actividades económicas nos termos previstos da normativa vixente, sempre e cando teñan por obxecto o cumprimento dos fins fundacionais, ou sexan complementarias ou accesorias das anteriormente relacionadas, con sometemento ás normas reguladoras da defensa da competencia.

Artigo 8. Liberdade de actuación

O padroado terá plena liberdade para determinar as actividades da fundación, tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, a xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento.

TÍTULO TERCEIRO: REGRAS BÁSICAS PARA A APLICACIÓN DOS RECURSOS Ó CUMPRIMENTO DOS FINS FUNDACIONAIS E PARA A DETERMINACIÓN DOS BENEFICIARIOS

Artigo 9. Destino das rendas e ingresos

A fundación destinará o patrimonio e as súas rendas ao cumprimento dos fins fundacionais.

Á realización dos fins fundacionais deberá ser destinado, polo menos, o setenta por cento dos resultados das explotacións económicas que se desenvolvan e dos ingresos que se obteñan por calquera outro concepto, deducidos os gastos realizados para a súa obtención, debéndose destinar o resto a incrementar a dotación fundacional ou a reservas segundo acordo adoptado polo padroado. Non se incluirán no cálculo dos ingresos as donacións recibidas en concepto de dotación.

O prazo para o cumprimento desta obriga, será o comprendido entre o inicio do exercicio no que se obtiveran e os catro anos seguintes ao peche do dito exercicio.

Os gastos de administración non poderán superar a porcentaxe fixada na lexislación vixente.

Artigo 10. Publicidade das actividades

O padroado dará información suficiente dos fins e actividades da fundación, a través de páxina web, nos termos sinalados no artigo 27 do Decreto 14/2009, de 21 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego, para que sexan coñecidos polos eventuais beneficiarios e demais interesados.

Artigo 11. Beneficiarios

Os fins da fundación están dirixidos con carácter xenérico a toda a cidadanía galega, en particular á súa comunidade educativa.

A determinación dos beneficiarios será efectuada polo padroado con criterios de imparcialidade e non discriminación e, con pleno respecto a eses criterios, as regras básicas para a determinación dos beneficiarios priorizarán, na medida en que o permita cada actividade a:

  1. Persoas que teñen ou tiveron algunha relación cos valores e bases pedagóxicas da Escola Rosalía de Castro, dende os seus inicios e de acordo cos valores propostos pola súa fundadora Antía Cal Vázquez, en particular alumnado, persoal, familias, persoas e entidades colaboradoras.
  2. Persoas residentes ou orixinarias da cidade ou comarca de Vigo, ou provincia de Pontevedra.

Para todo caso, a entidade fundadora, asociados, patronos, representantes estatutarios, membros dos órganos de goberno e cónxuxes ou parentes ata o cuarto grao inclusive de calquera deles non poderán ser os destinatarios principais das actividades que se realicen, nin se beneficiarán de condicións especiais para utilizar os seus servizos.

TÍTULO CUARTO: ÓRGANOS DA FUNDACIÓN: ÓRGANOS DE GOBERNO E ÓRGANOS DE XESTIÓN CAPÍTULO I ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo 12. O Padroado

O padroado é o órgano de goberno, representación e administración da fundación, e executará as funcións que lle corresponden con suxeición ó disposto no ordenamento xurídico e nos presentes estatutos.

Correspondelle ao padroado o cumprimento dos fins fundacionais, a administración dos bens e dereitos que integran o patrimonio da fundación, mantendo o seu rendemento e utilidade. Os membros do padroado deberán desempeñar as súas funcións coa dilixencia dun representante leal.

Os membros do padroado responderán solidariamente fronte á fundación dos danos e prexuizos que ocasionen polos actos contrarios á lei ou aos estatutos, ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o seu cargo.

Artigo 13. Carácter gratuito do cargo de membro do padroado.

Os membros do padroado exercerán o seu cargo sen que, poidan percibir retribución polo desempeño da súa función.

Os membros do padroado terán dereito a seren reembolsados dos gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lles ocasione, sen que as cantidades percibidas por este concepto poidan exceder dos límites previstos na normativa do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas para ser consideradas dietas exceptuadas de gravame.

Artigo 14. Composición

O padroado estará composto por un mínimo de tres e máximo de nove membros. Serán membros natos do padroado o Presidente da Xunta Directiva da Asociación Rosalía de Castro e o director pedagóxico da Escola.

Os seguintes membros serán designados da seguinte maneira:

  • O terceiro membro do padroado e, se os houbese, os membros cuarto, quinto e sexto, serán as persoas físicas designadas pola Xunta Directiva da Asociación Escola Rosalía de Castro de entre os membros da Xunta Directiva, agás o seu Presidente.
  • Os outros tres membros poderán ser persoas físicas que teñan plena capacidade de obrar e non estean inhabilitadas para o exercicio de cargos públicos, ou persoas xurídicas que deberán designar a estes efectos a persoa física que as represente.

Os membros do padroado que sexan persoas físicas, deberán exercer o seu cargo persoalmente, non obstante poderá actuar no seu nome e representación outro membro do padroado por él designado.

Os membros que integren o primeiro padroado serán designados polos fundadores e constarán na escritura de constitución.

Artigo 15. Regras para a designación e substitución dos seus membros

A designación dos membros do padroado que pertenzan a súa vez Xunta Directiva da Asociación Escola Rosalía de Castro será efectuada por ésta de acordo coa súa normativa.

A designación dos demais membros do padroado farase libremente polo propio padroado que figure inscrito no rexistro de fundacións de interese galego, por acordo da maioría dos seus membros.

Os membros do padroado desempeñarán as súas funcións por períodos de tres anos, podendo ser reelixidos.

Para o caso de cese ou renuncia de algún dos membros que compoñen o padroado, corresponderá ao padroado acordar se procede a súa substitución ou non, sempre que o padroado manteña o número mínimo de membros establecido na lexislación vixente.

Os membros do padroado, para o exercicio das súas actividades, deberán aceptar o seus cargos na forma prevista na normativa vixente. As designacións coas correspondentes aceptacións, e os ceses serán comunicadas ao protectorado, e inscritos no Rexistro de Fundacións.

Artigo 16. Formas de aceptación

Os membros do padroado entrarán a exercer as súas funcións despois de aceptar expresamente o seu cargo. Esta aceptación poderá constar no outorgamento da carta fundacional, en documento público independente, en documento privado con sinatura lexitimada por un fedatario público, mediante comparecencia realizada ante o Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ou perante o padroado, acreditándose mediante certificación expedida polo secretario co visto e prace do presidente.

Artigo 17. Organización do padroado

O padroado estará presidido polo membro que ostente dito cargo a súa vez na Xunta Directiva da Asociación Escola Rosalía de Castro.

O padroado designará, ademais, de entre os seus membros, un vicepresidente e un tesoureiro.

O secretario do padroado será o xerente económico financieiro da Asociación Escola Rosalía de Castro, que non será membro do padroado, tendo voz pero non voto.

Artigo 18. O presidente e o vicepresidente.

Ao presidente correspóndelle exercer a representación da fundación ante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas ou privadas; convocar as reunións do padroado, presidilas, dirixir os seus debates e resolver os empates que se produzan nas votacións co seu voto de calidade.

Tamén lle corresponde a execución dos acordos adoptados, podendo para isto realizar toda clase de actos e asinar aqueles documentos necesarios para tal fin. Corresponderá ao vicepresidente realizar as funcións do presidente nos casos de vacante, ausencia ou doenza, podendo actuar tamén en representación da fundación, naqueles supostos en que así se determine por acordo do padroado.

Artigo 19. O secretario.

Son funcións do secretario custodiar a documentación pertencente á fundación, efectuar a convocatoria das sesión do padroado por orde do presidente, así como as notificación saos seu membros, asistir ás sesión do padroado, redactando as súas actas e transcribíndoas ao correspondente libro de actas, expedir as certificacións e informes que sexan necesarios, e todas aquelas que expresamente lle sexan atribuídas.

Nos supostos de vacante, ausencia ou doenza, o secretario será substituido polo vocal de menor idade do padroado.

Artigo 20. O tesoureiro.

O tesoureiro terá encomendada a xestión económica da fundación con escrupuloso respecto ao plan de actuación aprobado polo padroado. Será o encargado de custodiar os fondos da fundación, recadar as achegas de calquera organismo ou persoa que a título individual contribúa economicamente á fundación, ordenar os pagamentos, formalizar e propoñer informes sobre a liquidación anual de contas e plan de actuación para o seu sometemento e aprobación polo padroado. Asimesmo, será da súa competencia levar os libros contables na forma que estableza a lexislación vixente.

Nos supostos de vacante, ausencia ou doenza, o secretario será substituído polo membro do padroado que éste designe.

Artigo 21. Facultades do padroado.

Na súa actuación, o Padroado deberase axustar ó preceptuado na lexislación vixente, e á vontade dos fundadores manifestada nestes estatutos.

Corresponde ao Padroado cumprir os fins fundacionais e administrar con dilixencia os bens e dereitos que integran o patrimonio da fundación mantendo plenamente o seu rendemento e utilidade.

Con independencia das funcións que lle atribúen os presentes estatutos e sen prexuízo de solicitar, se é o caso, as preceptivas autorizacións ao protectorado, a título meramente enunciativo, serán facultades do padroado:

a) Exercer o goberno, a representación, inspección, vixilancia e orientación da fundación.

b) Interpretar e desenvolver os presentes estatutos e, se é o caso, adoptar acordos sobre a súa modificación sempre que resulte conveniente para os intereses da fundación e a mellor consecución dos seus fins.

c) Fixar as liñas xerais de funcionamento da entidade e de distribución e aplicación dos fondos dispoñibles entre as actividades da fundación.

d) Acordar a apertura e peche dos seus centros, oficinas e delegacións.

e) Nomear apoderados xerais ou especiais, outorgar poderes así como a revogación dos mesmos.

f) Aprobar o plan de actuación e as contas anuais que serán obxecto de presentación ó protectorado.

g) Delegar as súas facultades en un ou máis patróns, sen que poidan ser obxecto de delegación o desenvolvemento daquelas facultades, a adopción daqueles acordos, ou a execución daqueles actos especificamente prohibidos pola lexislación vixente en cada momento.

Artigo 22. Dereitos e obrigas dos membros do padroado

Son dereitos dos membros do padroado:

a) Recibir a convocatoria coa orde do día e asistir ás xuntanzas dos órganos dos que formen parte.

b) Exercer o dereito de voto.

c) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións

d) Son deberes dos membros do padroado:

e) Cumprir e facer cumprir os fins fundacionais.

f) Administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da fundación mantendo o seu rendemento, utilidade e produtividade segundo os criterios económico-financeiros dun bo xestor.

g) Asistir as xuntanzas do padroado e velar pola legalidade dos acordos que nelas se adopten.

h) Realizar os actos necesarios para a inscrición da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 23. Responsabilidades dos membros do padroado

Os membros do padroado deberán desempeñar o seu cargo coa dilixencia dun representante leal.

Os membros do padroado responderán solidariamente fronte á fundación dos danos e perdas que causen por actos contrarios á lei ou ós estatutos ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo. Quedarán exentos de responsabilidade os que votasen en contra do acordo e os que proben que , non intervindo na súa adopción e execución, descoñecía a súa existencia ou, coñecéndoa, fixeron todo o conveniente para evitar o dano ou, polo menos se opuxeron expresamente a aquel.

Artigo 24. Cesamento e suspensión dos membros do padroado

O cesamento e suspensión dos membros do padroado producirase nos supostos previstos no artigo 24 da Lei 12/2006, de 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

A renuncia ao cargo de membro do padroado poderá facerse por calquera dos canles, formas e trámites previstos para a aceptación do cargo.

O cesamento e suspensión dos membros do padroado comunicarase ao protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións.

Artigo 25. Reunións do padroado

O padroado reunirase, polo menos, dúas veces ao ano e tantas veces como sexa preciso para a boa marcha da fundación. Corresponde ao presidente convocar as reunións, por propia iniciativa ou a petición das dúas terceiras (2/3) partes dos membros do padroado

A convocatoria expresará a orde do día, así como o lugar, data e hora da reunión, cursarase por escrito e farase chegar a cada un dos membros, polo menos, con nove días de anticipación á data da súa celebración, por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción.

Non será precisa convocatoria previa cando, estando presentes todos os membros do padroado, acorden por unanimidade a celebración da reunión e a correspondente orde do día.

Artigo 26. Formas de deliberar e adoptar acordos

O padroado entenderanse validamente constituído cando concorran, presentes ou representados, polo menos a metade máis un dos seus membros.

Os acordos serán inmediatamente executivos e adoptaranse pola metade máis un dos asistentes, sendo dirimente en caso de empate o voto da presidencia.

Non obstante requirirase o voto favorable de dúas terceiras partes (2/3) dos membros do padroado para aprobar acordos que se refiran á reforma ou modificación dos estatutos, á disposición de bens a título gratuíto, á fusión, á escisión e á extinción da fundación.

Das reunións do padroado levantarase acta polo secretario, que especificará necesariamente os asistentes, o orde do día, as circunstancias de lugar e tempo de realización da sesión, os puntos principais das deliberacións, así como o contido do acordos adoptados.

As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión do padroado, pero a secretaría poderá emitir certificación sobre os acordos específicos adoptados, sen prexuizo da aprobación posterior da acta, facendo constar a non aprobación desta.

CAPÍTULO II – ÓRGANOS DE ASESORAMENTO E XESTIÓN

Artigo 27. Consellos asesores e de estudo.

O padroado poderá crear consellos asesores e comisións de estudo, así como órganos similares con funcións de apoio e asesoramento, para o mellor desenvolvemento dos fins fundacionais.

A creación e regulación destes órganos deberá ser notificado ao protectorado e inscrito no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 28. Xerente

O padroado poderá acordar a contratación dun director ou xerente con competencias en materia de xestión ordinaria ou administrativa da fundación, que poderá ser desempeñada por unha persoa física ou xurídica con acreditada solvencia técnica ao respecto, e coa remuneracións axeitadas ás funcións desenvoltas

O nomeamento e cesamento das persoas titulares da dirección ou xerencia deberá ser notificado ao Protectotado e inscrito no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

TÍTULO QUINTO: RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 29. Patrimonio fundacional

O patrimonio da fundación está integrado por toda clase de bens, dereitos e obrigas susceptibles de valoración económica que integren a dotación, así como aqueloutros, que sen formar parte da dotación, estean directamente vencellados ao cumprimento dos fins fundacionais, de conformidade co disposto no artigo 29.1.º da Lei do Parlamento de Galicia 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; e por aqueles que adquira a fundación con posterioridade á súa constitución, aféctense ou non á dotación.

Uns e outros deberán figurar a nome da fundación, constar no seu inventario e no Rexistro de Fundacións de interese galego.

O padroado promoverá, baixo a súa responsabilidade, a inscrición a nome da fundación dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio nos rexistros públicos correspondentes.

Artigo 30. Adscrición do patrimonio fundacional

Os bens e dereitos que conforman o patrimonio, así como as rendas que produzan, quedarán vinculados ao cumprimento dos fins que a fundación persegue, nos termos establecidos na lexislación vixente e nos estatutos.

Artigo 31. Financiamento

A fundación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase cos recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio e, se fose o caso, con aqueles outros procedentes das axudas, subvencións ou doazóns que reciba de persoas ou entidades, tanto públicas como privadas.

A fundación poderá percibir cantidades derivadas de actividades e servizos directamente prestados por ela ós seus beneficiarios sempre que:

a) Non desvirtúe o interese xeral para a Comunidade Autónoma.

b) Non sexan contrarios a vontade fundacional.

c) Non implique unha limitación inxustificada do ámbito dos seus posibles beneficiarios.

O exercicio económico será anual de 1 de setembro a 31 de agosto. Na xestión económico-financeira, a fundación rexerase de acordo cos principios e criterios xerais determinados na normativa vixente.

Artigo 32. Plan de actuación

O Padroado elaborará e remitirá ao Protectorado nos últimos tres meses de cada exercicio, un Plan de actuación no que se conteñan os obxectivos e as actividades que se teña previsto desenvolver no exercicio seguinte, xunto coa previsión de ingresos e gastos e memoria explicativa do mesmo.

Artigo 33. Contas anuais

A actividade contable da fundación axustarase ao disposto no artigo 36 Lei do Parlamento de Galicia 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nas normas do plan xeral de contabilidade na súa adaptación ás entidades sen fins lucrativos.

A fundación contará cun Libro Diario e un Libro de Inventarios e Contas Anuais, así como aqueloutros que o padroado considere convenientes de acordo coa actividade da fundación e co sistema de contabilidade adoptado.

Os libros, incluídos os auxiliares, conservaraos o padroado, polo menos, durante un prazo de seis anos contados dende a data da última anotación neles, quedando, xunto cos rexistros e comprobantes dos asentos contables, disposición a disposición do Protectorado cando o requira.

O Padroado ou a persoa que este designe, formulará as contas anuais que deberán ser aprobadas polo padroado no prazo de seis meses desde o peche do exercicio económico, e presentaranse ante o Protectorado no prazo de vinte días hábiles seguintes á súa aprobación para o seu exame e posterior depósito no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

As contas anuais, que comprenden balance, conta de resultados e memoria, forman unha unidade, deben ser redactadas con claridade e mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da fundación. Presentaránse asinadas pola presidencia, ou pola persoa á que segundo os estatutos lle corresponda formulalas.

A memoria anual de actividades completará, ampliará e comentará a información contida no balance e na conta de resultados, e incorporará, como mínimo, os contidos obrigatorios previstos na lexislación vixente en cada momento.

As contas anuais someteranse á auditoría externa, remitindo ó protectorado o informe da mesma xunto coas contas anuais, nos casos previstos legalmente.

Artigo 34. Exercicio económico

O exercicio económico da fundación iníciase o 1 de setembro e remata o 31 de agosto.

TÍTULO SEXTO: DA MODIFICACIÓN, FUSIÓN, ESCISIÓN OU EXTINCIÓN

Artigo 35. Modificación de estatutos

Por acordo do padroado, poderán ser modificados os presentes estatutos, sempre que resulte conveniente aos intereses da fundación e se cumpran os requisitos previstos nestes estatutos e na lexislación vixente.

Procederase a dita modificación cando as circunstancias que presidiron a constitución da fundación tiveran variado de tal maneira que ésta non poda actuar satisfactoriamente con de conformidade cos estatutos en vigor.

Artigo 36. Fusión e/ou escisión.

A fundación poderase fusionar con outra ou outras, logo do acordo dos respectivos padroados. Igualmente o padroado poderá aprobar a escisión de parte da fundación, nos termos e cos requisitos legalmente establecidos.

Artigo 37. Extinción da fundación

A fundación extinguirase polas causas e de acordo cos procedementos establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 38. Liquidación e adxudicación.

A extinción da fundación determinará a apertura do procedemento de liquidación que será realizada polo padroado baixo o control do protectorado.

Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse ás fundacións ou ás entidades non lucrativas privadas ou públicas que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, mesmo para o suposto de disolución, á consecución daqueles, e que estean consideradas como entidades beneficiarias do mecenado, ou a entidades públicas de natureza non fundacional que persigan fins de interese xeral.

Artigo 39. Adopción dos acordos e comunicación e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego

Para a adopción de acordos de modificación, fusión, escisión, extinción e liquidación, será necesario o voto favorable de dous terzos (2/3) dos membros do padroado.

Os ditos acordos serán comunicados e/ou autorizados polo protectorado aos efectos de cualificación de legalidade, formalizados en escritura pública e inscritos no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Cláusula adicional

En todo caso, o previsto nos presentes estatutos non implica limitación ou substitución nas competencias que ó protectorado atribúe a lexislación vixente, e moi especialmente en relación coas autorizacións ou limitacións a que a fundación expresamente se somete.

 

Descargar os Estatutos en formato PDF