APRAZADAS A FASE FINAL DA LIGAMATS E A CERIMONIA DE CLAUSURA IMATXINA XVI EDICIÓN
Como medida preventiva debido á situación de continxencia xenerada pola expansión do coronavirus e dacordo coas medidas adoptadas polas autoridades competentes, a organización de IMATXINA decidiu APRAZAR a celebración da Fase Final da competición LIGAMATS, así como o evento de clausura de IMATXINA XVI Edición.
Pendentes da evolución dos acontecementos e en cumprimento dos prazos e protocolos que establezan as autoridades competentes, fixaremos a nova data para a celebración de ambos eventos cando sexa posible.
Os centros escolares clasificados para esta Fase Final de LIGAMATS e polo tanto afectados polo aprazamento das probas son os seguintes:
Categoría A: CEIP Chans Bembrive , CEIP Humberto Juanes, CEIP Josefa Alonso, Sagrado Corazón de Placeres
Categoría B: Colexio Apóstol Santiago, IES Alexandre Bóveda, IES Álvaro Cunquiero, IES O Castro
Categoría C: CPI Cova Terreña, Escola Rosalía de Castro, IES Alexandre Bóveda, IES Aquis Celenis
Grazas a todos pola vosa colaboración.
PECHE DOS OBRADOIROS DIDÁCTICOS
Dacordo coas mesmas medidas preventivas adoptadas para frear a expansión do coronavirus, os obradoiros didácticos de IMATXINA XVI Edición cesaron a actividade nas aulas do 5º andar do Edificio Mar de Vigo o venres 13 de marzo de 2020 ás 13.45 horas.
A Fundación Escola Rosalía celebrou este ano 2020 a XVI Edición de IMATXINA coa colaboración do Concello de Vigo e o asesoramente pedagóxico de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática). As distintas actividades tiveron lugar no Edificio Auditorio Mar de Vigo dende o xoves 27 de febreiro ata o xoves 12 de marzo de 2020:
- Nove obradoiros didácticos de matemáticas manipulativas
- Competición intercentros LigaMats
- #retoIMATXINA2020: visita á exposición de “poliesculturas”, distintas creacións artísticas froito do traballo cooperativo de dezanove equipos de alumnado procedente de distintos centros escolares
Obxectivos Xerais
- Sacar as matemáticas das aulas e achegalas á sociedade dende un punto de vista manipulativo e participativo.
- Favorecer o uso de materiais didácticos para o tratamento dos programas curriculares.
- Amosar a través destas tarefas que todos os cidadáns poden facer matemáticas, é dicir: argumentar, analizar, decidir, demostrar, descubrir, razoar …
- Sensibilizar aos distintos sectores educativos, de que as matemáticas poden ensinarse e aprenderse de xeito atractivo.
- Acadar o apoio das distintas institucións do eido da educación e da cultura para seguir espallando en todos os niveis unha maior e máis axeitada formación matemática.
- Aprender a traballar en equipo valorando e respetando as opinións propias e ás dos demáis e fomentando a imaxinación e a creatividade.
Xornada de Formación do Profesorado
Matemáticas creativas para Ed. Infantil e Primaria
Sábado, 7 de Marzo de 2020